CRTVG

Buscar

Sánchez adianta que o Plan de recuperación terá 212 medidas para transformar a economía

Publicado o 12/04/2021 11:55

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, confirmou este luns que o Consello de Ministros analizará mañá o Plan de recuperación na comisión creada para o efecto, aínda que precisou que non será aprobado definitivamente polo Consello de Ministros ata "dentro duns poucos días". Antes diso, o xefe do Executivo comparecerá no Congreso este mércores, a petición propia, para explicar as liñas principais deste plan, que se remitirá a Bruxelas antes da data tope do 30 de abril.

Durante a inauguración do simposio económico 'Wake up, Spain', Sánchez amosouse convencido de que o Plan de recuperación será "unha historia de éxito para Europa e para España", non só polos recursos comprometidos (140.000 millóns de euros para España en seis anos), senón porque, segundo destacou, no plano político supón o recoñecemento de que Europa pode coliderar a transformación dixital e a transición ecolóxica.

O presidente do Goberno destacou que o plan, articulado en catro eixes, formula 212 medidas, das que 110 son investimentos e 102, reformas, con dous obxectivos fundamentais: impulsar a recuperación económica no curto prazo e reconverter e transformar a economía española para facela máis competitiva e sostible.

Para o período 2021-2023, o volume de investimentos será de 70.000 millóns de euros, que impactarán xa na recuperación económica en 2021, segundo indicou Sánchez, que subliñou que o efecto destes investimentos sobre o crecemento económico estímase en dous puntos a partir deste ano, coa creación de 800.000 postos de traballo, mentres que o seu impacto sobre o crecemento potencial se sitúa por encima do 2 % a partir de 2030.

Sánchez afirmou que a recuperación se producirá ao ritmo da vacinación, de forma que canto máis rápido se vacinen, máis avanzará a recuperación. "O Goberno está centrado ao 101 % na vacinación e na recuperación", dixo o presidente, que volveu a debullar o plan de vacinación que anunciou a semana pasada, no que se prevé que o 70 % dos españois estean inmunizados fronte á covid para finais de agosto.

Noticias web

12/04/2021