CRTVG

Buscar

Sánchez avoga pola "concordia" e Aragonès apela ao "diálogo"

Publicado o 07/06/2021 14:35

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, avogou este luns por aparcar "posturas  maximalistas" para que as diferenzas "non se transformen xamais en parálises, atraso e enfrontamento" e poder chegar a acordos que permitan recuperar "a concordia e o reencontro" en Cataluña.

"Vivimos demasiado tempo pechados en posicións estreitas, en canellóns sen saída. Non podemos seguir así: chegou o momento de dar pasos que nos permitan, dunha vez por todas, avanzar. E facelo con decisión, con serenidade e cun enorme sentido de xustiza, buscando en todo momento o beneficio, a tranquilidade, a paz e a convivencia do conxunto da cidadanía por riba da pequenez de intereses partidistas", dixo.

Pola súa banda, o presidente da Generalitat, Pere Aragonès, apelou ao "diálogo" e recoñeceu os "pasos" dados polo Goberno do Estado para canalizar o conflito político catalán.

Ambos os dous mandatarios coincidiron, por primeira vez dende a investidura do republicano, nun acto da patronal catalá Foment do Treball, no que condecoraron o editor Javier Godó pola súa traxectoria profesional.

Segundo Aragonès, para o goberno catalán "non é normal que haxa presos políticos e exiliados" e que non se poida votar sobre a independencia nun referendo. Porén, malia as diferenzas entre Executivos toca "afrontar unha nova etapa e poñer solucións sobre a mesa" e "escoitar todas as propostas, con igual respecto e consideración". A catalá, subliñou, é "a amnistía e a autodeterminación".

Con todo, recoñeceu que o Goberno de España "deu pasos cara a adiante" xa que "nunca antes se recoñecera a necesidade de abordar a resolución dun conflito desta natureza".

"Non será doado, será extraordinariamente difícil", asumiu, pero é "momento de retomar o diálogo e a negociación". Considera que é unha obriga de ambas as dúas partes "superar o bloqueo" e sentar na mesa para topar unha solución.  

Noticias web

07/06/2021