CRTVG

Buscar

Sánchez asegura que ningún cordón sanitario poderá frear a vontade dos españois

Publicado o 19/02/2019 19:21

Pedro Sánchez asegura que ningún cordón sanitario poderá frear a vontade dos españois para transformar o país. A alusión ao veto de Ciudadanos foi unha das mensaxes da estrea da precampaña socialista. A Albert Rivera tamén se referiu Pablo Casado. O líder popular dubida da palabra de quen hai 3 anos xa intentou facer presidente a Sánchez.

Rivera ratifícase no veto postelectoral aos socialistas. Cre que as palabras de Sánchez negándose a desbotar ningún pacto tras o 28 de abril agochan a vontade de entenderse cos independentistas.

Albert Rivera, presidente de Ciudadanos: "Que din os nacionalistas? Que prefiren a Sánchez. Polo tanto, se os que queren liquidar España prefiren a Sánchez, hai que botar a Sánchez para que España teña un presidente, un goberno e unha maioría que defenda a Constitución".

En Ferraz, un cartel xigante co lema 'A España que queres' di que xa é precampaña. A primeira promesa, facer da educación pública a xoia da coroa da vindeira lexislatura. Sánchez cre que o 28 de abril elíxese entre un país luminoso e outro en branco e negro. E responde ao veto de Ciudadanos.

Pedro Sánchez, secretario xeral do PSOE: "Protagonizamos moitos dos avances e conquistas sociais durante estes 40 anos e hai algúns que nos queren poñer un cordón sanitario. Ningún cordón sanitario vai resistir nin a vontade da maioría deste país nin as ganas de avanzar e transformar o noso país".

Pablo Casado cre que só o PP pode garantir que non haberá pacto, dixo, con comunistas, independetistas ou socialistas. De Ciudadanos non o ten tan claro.

Pablo Casado, presidente do PP: "No ano 15 pactou con Sánchez despois de dicir que non ía pactar con el e, ademais, pediulle a Pablo Iglesias que apoiase ese pacto do abrazo para botar a Rajoy. E logo en Andalucía estivo 4 anos con Susana Díaz. E o outro día, o seu voceiro nun xornal nacional dixo que pactarían á esquerda e dereita. A nós non nos preguntan se imos pactar con Sánchez porque somos cribles".

O líder do PP pide concentrar o voto. Avisa do risco de que as papeletas de Ciudadanos e Vox non se traduzan en escanos abondo para superar a esquerda.

Noticias web

19/02/2019