CRTVG

Buscar

Sánchez apela ao protocolo e chamará a Íñigo Urkullu antes que a Quim Torra

Publicado o 13/12/2019 08:28

Desde Bruxelas, Sánchez di que chamará a Torra a semana que vén, despois de falar co lehendakari. E enmarca a conversa, previa á investidura, no protocolo habitual cos presidentes autonómicos. Responde así ás críticas da oposición. Casado acusou a Sánchez de usar o resto dos presidentes como comparsas para cumprirlle o gusto a Esquerra Republicana.

Sánchez chamará primeiro o lehendakari e despois, seguindo a orde que marca o protocolo para as autonomías, o presidente catalán. Onte, en Bruxelas, o presidente en funcións agradeceu a colaboración das forzas rexionalistas e nacionalistas que están polo desbloqueo e eloxiou a actitude de diálogo de Esquerra Republicana.

"Que levantase a man e que dixese que non se desentende de que se poida facilitar a gobernabilidade neste país. Por outra banda, hai dous partidos políticos, o PP e a ultradereita, que din que non. Home, da ultradereita espéreoo, pero dun partido que supostamente vai dando leccións de constitucionalismo e sentido de Estado...?", dixo o presidente en funcións. 

"Nós escoitaramos a súa promesa de traer a Puigdemont a España, pero non pensabamos que fose para negociar unha investidura", ironizou Pablo Casado. O presidente do PP asegura que Sánchez cede ás presións de Esquerra e que tenta enmascaralo cunha rolda de consultas.

Torra levaba pedindo desde outubro unha chamada do presidente, pero agora cualifícaa de xesto baleiro. O vicepresidente da Generalitat fala mentres da necesidade de normalizar o diálogo entre institucións. E no mesmo sentido se pronunciaron Ábalos e Carmen Calvo, que falou de "especto democrático".

O diario 'La Razón' publica hoxe unha entrevista con Junqueras, realizada en Lledoners, en que o líder de Esquerra condiciona a abstencións á constitución dunha mesa de diálogo para a busca dunha solución democrática ao conflito. Engade a vontade de acordo e di que PSOE e Esquerra, gañadores das eleccións en España e Cataluña, están obrigados como mínimo a falar. Remata Junqueras lamentando que haxa quen busca ruído e confrontación para converter o diálogo nun pecado.

Noticias web

13/12/2019