CRTVG

Buscar

O plan para a desescalada será por provincias e durará ata finais de xuño

Publicado o 28/04/2020 19:21

• Executarase de forma asimétrica, con catro fases de quince días

• O curso escolar non comezará ata setembro, salvo algunhas excepcións

• Sánchez confirma que solicitará unha cuarta prorrogación do estado de alarma

A desescalada do estado de alarma, que debe concluír no que o Goberno denomina "a nova normalidade", comezará o próximo 4 de maio, farase de forma asimétrica por territorios -a referencia é a provincia- e levarase a cabo en catro fases de quince días ata finais de xuño.

Neste tempo a mobilidade entre provincias estará restrinxida, salvo para circunstancias excepcionais, ata o remate do proceso.

Dentro da provincia permitirase unha maior mobilidade, por exemplo para acudir a unha terraza en determinadas condicións, pero non para visitar as casas dos amigos ou familiares.

Estas son as catro fases do plan:

• "Fase 0" ou fase actual de preparación da transición (4 de maio)

As saídas reguladas dos menores de 14 anos desde o pasado domingo, ou as previstas para o vindeiro sábado, día en que se poderá saír a dar un paseo ou a facer deporte de forma individual.

- A apertura de locais con cita previa para atención individual dos clientes.

- A apertura de restaurantes para levar comida a domicilio sen consumo no local.

- A apertura de adestramentos individuais de deportistas profesionais e federados.

- Adestramento básico en ligas profesionais.

•  "Fase 1" ou inicial

- Inicio do pequeno comercio con condicións estritas de seguridade.

- A apertura de terrazas con limitación ao 30 por cento de ocupación.

- A apertura de hoteis e aloxamentos turísticos, excluídas zonas comúns e tamén con determinadas restricións.

- Incluirase un horario preferente para os maiores de 65 anos.

- No sector agroalimentario e pesqueiro renovaranse as actividades que mantiñan restricións.

- Os lugares de culto poderán abrir limitando a súa capacidade.

- Considérase a apertura de centros de alto rendemento e permitirase o adestramento en ligas profesionais.

- O Goberno permitirá a realización de velatorios "baixo determinadas circunstancias": para un número limitado de familiares, con protocolos de distancia física e seguridade.

"Fase 2" ou intermedia

Abrirase o espazo interior dos locais cunha ocupación dun terzo de capacidade e garantías de separación de mesas.

- Aínda que o curso escolar non comezará ata setembro, reabriranse os centros educativos para actividades de reforzo, para garantir que os menores de seis anos poidan acudir a eles se ambos os pais teñen que traballar presencialmente e para a ABAU.

- Prevese a continuación de pesca e caza deportiva.

- Apertura de cinemas e teatros cun aforo limitado a un terzo.

- Serán posibles visitas a monumentos ou exposicións cun terzo de capacidade.

- Lugares de culto con capcidade ao 50 por cento.

- Actos e espectáculos de menos de 50 persoas en lugares pechados cun terzo de capacidade e, se son ao aire libre, con menos de 400 persoas, e todas sentadas.

- Permitiranse as vodas para un número limitado de asistentes.

No tocante aos velorios, ampliarase o número de familiares permitidos nesta fase.

4.- "Fase 3" ou avanzada

- Flexibilizarase a mobilidade xeral aínda que se recomendará o uso da máscara fóra do fogar e nos transportes públicos.

- Limítase a capacidade ao 50 por cento e unha distancia mínima de dous metros no ámbito comercial.

- Suavizaranse as restricións de capacidade e ocupación en restauración, aínda que se manterán estritas condicións de separación entre o público.

- Permitiranse velorios máis amplos.

- Será posible celebrar vodas cun número máis amplo de asistentes.

Catro illas, as canarias da Gomera, O Hierro e A Graciosa, e Formentera, e mais Baleares, anticiparán a desescalada unha semana, anunciou o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, quen en conferencia de prensa explicou que se medirá "semana a semana cada paso en cada lugar" antes de seguir avanzando nas súas fases. "A diferenza do que sucedeu durante o confinamento xeral, na desescalada non avanzaremos todos á mesma velocidade, pero si o imos a facer coas mesmas regras", indicou Sánchez na conferencia de prensa para explicar o "Plan para a transición cara a unha nova normalidade".

Cada semana, dixo, mediranse os avances en cada territorio, e "antes de seguir avanzando" nas distintas fases consolidaranse "os pasos anteriores". "Descenderemos en equipo, descenderemos a distintas velocidades de forma asimétrica, pero ímolo facer de forma coordinada", asegurou, de maneira que se avanzará "en cada lugar tan rápido como o permita o control da epidemia e tan lento como o esixa a protección da saúde".

Esta asimetría débese a que a pandemia golpeou "de diferente forma as distintas rexións españolas e a organización territorial do país", indicou o presidente. "O inicio da fase unha, o tránsito á fase dúas e desta á fase tres, e mais a desescalada total non serán uniformes en todo o territorio", dixo.

Sánchez concretou que a unidade territorial para articular as medidas será a provincia pero tamén caberán excepcións a esta norma "motivadas polas comunidades autónomas" se o autoriza o Ministerio de Sanidade. 

Entre cada unha destas catro fases pasarán como mínimo dúas semanas, e só a final de todas elas se permitirá viaxar dunha provincia á outra. O Goberno terá a última palabra para autorizar cada cambio de fase.

Pedro Sánchez calcula: "A duración máxima tentativa, no caso de que todo transcorra como ata agora, queremos que sexa de oito semanas para todo o territorio español. A finais de xuño estaríamos na nova normalidade".

O Goberno estuda fixar franxas horarias para as saídas e prorrogar os ERTE. Sánchez anunciou que tamén haberá que pedir cando menos unha nova prorrogación do estado de alarma.