CRTVG

Buscar

Sánchez anuncia que voa a Cabul o primeiro avión para evacuar os españois

Publicado o 18/08/2021 11:07

• O presidente do Goberno tamén anunciou que saíu para Dubai un avión medicalizado para colaborar no dispositivo 

Os EUA acordan cos talibáns unha evacuación segura

Sánchez anuncia que voa a Cabul o primeiro avión para evacuar os españois

EFE

EP/EFE

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou este mércores que o primeiro avión para a evacuación de españois e afgáns que traballaron para España en Afganistán partiu xa rumbo a Cabul. "O primeiro avión español xa saíu de Dubai rumbo a Cabul para evacuar o primeiro grupo de españois e colaboradores en Afganistán", informou na súa conta de Twitter.

En Dubai atópase tamén un segundo A400 M para participar na mesma operación e o presidente do Goberno desvelou que se vai unir a eles "unha terceira aeronave medicalizada das Forzas Armadas" que partiu esta mañá desde Madrid cara a Dubai para colaborar na repatriación.

O terceiro avión A400 medicalizado partiu este mércores desde a base aérea de Torrexón de Ardoz para colaborar nas tarefas de evacuación xunto á outra aeronave que chegou esta mañá ao país árabe.

Espérase que nunhas tres horas aterre o avión en Cabul, coa intención de embarcar un primeiro grupo dos españois que agardan no aeroporto e emprender viaxe de regreso a España. Tamén formarán parte deste primeiro continxente afgáns e os seus familiares que traballaron con España na misión militar e na de cooperación nos últimos anos e que queren fuxir despois de que os talibáns se fixeran co control do país.

No A400 que voa a Cabul viaxan varios soldados españois co fin de dar protección e asistir nas tarefas do traslado. O feito de que o exército dos Estados Unidos controle o aeroporto de Cabul facilitou que se renoven os voos de repatriación de diversos países, entre eles, España. 

Noticias web

18/08/2021