CRTVG

Buscar

O Goberno apoiará as comunidades autónomas que soliciten o estado de alarma nos seus territorios

Publicado o 25/08/2020 20:45

• Ofrécelles 2.000 efectivos das Forzas Armadas como rastrexadores

• Sánchez pide dobregar a segunda curva: "A evolución é preocupante" | Garante que as aulas abrirán de xeito seguro

• Mostra "total apoio" a Iglesias tras a investigación xudicial

Logo do consello de ministros, o presidente do Goberno Pedro Sánchez comparece para dar conta do feito polo Executivo e a folla de ruta que seguirá dada a evolución da pandemia. Nesta comparecencia o presidente anuncia medidas do Goberno para atallar o crecemento da curva, heteroxéneo xeograficamente.

Á luz dos datos en canto a gromos e repuntas, Sánchez asegurou que "a evolución global da curva da pandemia é preocupante". Por iso, o presidente do Goberno quixo mandar "unha mensaxe de alerta e serenidade". Alerta porque a evolución "non é boa", serenidade porque "estamos lonxe da situación de marzo".

Neste sentido, Sánchez urxe a unha resposta intensa e sen medo. "Non podemos permitir que a pandemia se apropie das nosas vidas. Non imos permitilo", incidiu Sánchez, ao que engadiu: "Imos volver dobregar a curva, e imos ter que facelo unidos, porque non queda outra", aseverou. 

Durate a comparecencia recoñeceu o esforozo das CC. AA., sobre todo nesta última etapa tras o estado de alarma.

"Próbano o aumento 168% do número de PCR respecto ao día en que se levantou o estado de alarma", lembrou Sánchez.

Por esa razón, Sánchez anunciou unha serie de medidas de apoio directo por parte do Goberno ás comunidades.

O exército colabora no rastrexo

Entre elas, anuncia a posta a disposición das comunidades, especialmente as máis afectadas, 2.000 efectivos das Forzas Armadas con formación específica en rastrexo para detectar e controlar os elos de contaxios. Unha cifra, dixo Sánchez, que podería aumentarse.

O Goberno galego está interesado no reforzo de rastrexadores."Mostrámonos interesados, dirixímonos ao Ministerio de Sanidade e agora estamos pendentes de concreción", trasladaron fontes da Consellería de Sanidade. Entre as cuestións que habería que ratificar estarían o número de efectivos e cando se producirían as incorporacións.

 

Estado de alarma para comunidades

O Goberno tamén apoiará as comunidades que queiran e necesiten a aplicación do estado e alarma nas súas áreas xeográficas. No caso de que o fixesen, os presidentes autonómicos correspondentes serían os que terían que comparecer ante o Congreso para dar conta da situación e, eventualmente, solicitar prórrogas.

Sánchez aclarou, con todo, que "falar de estado de alarma non é falar de confinamento" e engadiu que hai distintos estados de alarma, tal e como se puxo de manifesto durante as distintas fases da desescalada.

Presupostos "de país"

O xefe do Executivo tamén anunciou a prioridade de elaborar uns novos presupostos. "Queremos e necesitamos uns presupostos de país, non dun goberno ou doutro", dixo Sánchez, chamando á "xenerosidade", a "responsabilidade" e o "sentido de estado" do resto de formacións políticas, "desterrando" a xestión da pandemia das "liortas políticas" e de "fins partidistas".

Renovación institucional

Ademais, incidiu na necesidade de renovar institucións como o Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPX), a RTVE, o Defensor do Pobo ou os maxistrados do Tribunal Constitucional (TC) entre outros, porque é necesario "reforzar o funcionamento" das institucións ante a pandemia.

Volta ás aulas

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, dixo que "as portas dos colexios deben abrirse" coa certeza de que se xestionaron ben os recursos, e destacou que diso depende "o bo funcionamento da nosa sociedade, a educación dos fillos e o futuro de millóns de nenos".

"O curso escolar debe iniciarse con normalidade", é o que quere o Goberno e niso está a traballar coas comunidades, aseverou. "Imos ter centros educativos seguros".