CRTVG

Buscar

A máscara deixará de ser obrigatoria en exteriores a partir do 26 de xuño

Publicado o 18/06/2021 15:11

• Sánchez avanza que o aprobará o Consello de Ministros o xoves

• Feijóo ve a decisión da máscara "política, non sanitaria"

• A vacinación é a clave para abandonar definitivamente a máscara

 

EFE

EFE

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou este venres que a próxima semana haberá un Consello de Ministros extraordinario no que se decidirá que a máscara por mor da pandemia de coronavirus deixe de ser obrigatoria en espazos ao aire libre a partir do sábado 26 de xuño.

Sánchez avanzou esta decisión ao comezo da súa intervención na clausura da XXXVI reunión do Cercle de Economía que se celebra en Barcelona. Segundo anunciou, o xoves 24 haberá un Consello de Ministros extraordinario no que se aprobará a eliminación da obrigatoriedade da máscara a partir de dous días despois, o sábado 26.

O xefe do Executivo subliñou que se trata dun anuncio moi importante para todos os españois que se une ao bo ritmo de vacinación. "As nosas rúas, os nosos rostros, empezarán a recuperar nos próximos días o seu aspecto normal", engadiu antes de subliñar que "a alegría de vivir da sociedade española e a sociedade catalá é a alegría de vivir dos seus representantes nas institucións públicas empezando polo Goberno".

Con esta medida sinalou que se volverá a gozar dunha vida na rúa sen máscara e rendeu homenaxe a todos os españois que foron disciplinados e ao traballo dos profesionais sanitarios. A eliminación da obrigatoriedade da máscara en espazos ao aire libre explicou que é posible porque se está cumprindo "escrupulosamente" con todos os obxectivos que se marcaron.

"Este será a última fin de semana con máscaras nos exteriores porque o próximo 26 de xuño xa non as levaremos en espazos libres", recalcou. 

Noticias web

18/06/2021