Sánchez anuncia que a Conferencia de Presidentes se celebrará en Salamanca a finais de xullo

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou este luns que a Conferencia de Presidentes se celebrará a última semana do mes de xullo na cidade de Salamanca a proposta do presidente da Junta de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco.
Foi nunha entrevista realizada na Cadena Ser onde Sánchez adiantou a data do encontro entre presidentes autonómicos que anunciou hai dúas semanas. Ata o de agora só se sabía que tería lugar no mes de xullo.
"Temos que falar do plan de recuperación, de vacinación e do reto demográfico, que foi un mandato que nos fixeron ao Goberno os presidentes autonómicos", sinalou o presidente do Executivo.
A Conferencia de Presidentes terá lugar en Salamanca, tras o ofrecemento que Mañueco fixo en xullo de 2020, durante a celebración do último encontro entre presidentes autonómicos.