Sánchez afirma ante Biden que España lidera co exemplo a loita climática
Publicado o 23/04/2021 20:38
Pedro Sánchez di que España está liderando o proceso de descarbonización e de transición enerxética para loitar contra o cambio climático. O presidente do Goberno interviu esta tarde no cumio telemático sobre o clima convocado polo presidente dos Estados Unidos. Sánchez explicou que nos últimos 3 anos España pechou a maioría das súas minas de carbón e que prevé crear 350.000 novos postos de traballo ligados aos investimentos en enerxías renovables."España está liderando co exemplo, aprendimos moito no proceso e queremos compartir a nosa experiencia porque sabemos que afrontar o cambio climático é un reto global. Debemos actuar colectivamente, debemos actuar agora e non temos que deixar ninguén atrás", dixo.