Sánchez advirte o independentismo das consecuencias de cruzar a fronteira da lei
Na sesión de control ao Goberno catalán, Quim Torra acusou o presidente español de deixamento de funcións por non responder aos seus chamamentos ao diálogo.
"Que comece a pensar nas próximas xeracións e non nas próximas eleccións. O que precisamos agora é visión de Estado", dixo o presidente catalán.
E Sánchez advirte a propósito da resolución do soberanismo para debater e votar sobre autodeterminación. Primeiro lei, dilles, e despois diálogo.
"É iso vale para o Goberno de Cataluña e para os señores independentistas do Parlamento de Cataluña. Quen cruce a fronteira da lei vai atopar a resposta serena e firme do estado democrático de dereito do noso país", dixo o presidente do Goberno en funcións.
Para os partidos do centro dereita Sánchez debe responder ante o que consideran novo desafío independentista. Desde Podemos cren que o soberanismo vai de farol.
"Creo que isto é unha xesticulación en período electoral para tentar recompoñer unha unidade que estaba rota", afirmou Pablo Iglesias.
"Que non respectan a Constitución, que nos chaman bestas taradas aos españois e o señor Sánchez mira para outro lado", dixo o presidente de Ciudadanos.
"O Goberno de España ten que apercibir o presidente da Generalitat no cumprimento da lei e da Constitución, o que non é moito pedir", instou Pablo Casado.
Ademais dos políticos, tamén falaron os empresarios. As dúas patronais catalás esíxenlle a Torra e Sánchez e aos partidos que deixen de lado os intereses electoralistas e cheguen a acordos polo ben da paz social.