Sánchez aconsella "moderación" a Casado, que lle reclama que saque a Podemos do Goberno
Esta mañá, na sesión de control ao Goberno,. PP, Vox e Ciudadanos pediron o cesamento do vicepresidente Pablo Iglesias por cuestionar que en España non hai normalidade democrática. O líder do PP Pablo Casado acusouno de "levar semanas dicindo que España é unha ditadura na que ata te poden envelenar". Pero Sánchez respondeulle recordándolle o adiantamento de Vox en Cataluña co argumento dunha película na que "ao final, o servente acaba impoñendo os seus métodos dentro da casa, acaba sendo o que manda e o señor o que obedece".
Na súa réplica, Casado tirou de ironía: "agora que os puxo de moda, menos lobos. A vostede déronlle un sorpasso en Galicia polo BNG". E retomando o filme, o PP volveu pedir o cesamento de Iglesias por negar que haxa normalidade democrática. Para Teodoro García Egea, "o servente é o señor Iglesias pero hai unha diferenza: na película, o señoriño paga o servente e no Goberno fano con cartos públicos".
Respondeulle o vicepresidente segundo do Goberno asegurando que a dereita vai ao Congreso dos Deputados "a insultar e a patalexar" e desexou que "oxalá houbese plena normalidade democrática. A min non me parece normal que Cifuentes marche de rosiñas e Pablo Hasel estea no cárcere".
Dende Vox, Macarena Olona, replicáballe que en España si hai unha plena normalidade democrática. "A ameaza é vostede", díxolle a Pablo Iglesias.
A líder de Ciudadanos Inés Arrimadas acusa a Iglesias de impulsar os distubios tras a detención do rapeiro e pídelle a Sánchez que rompa con Podemos porque "eles sinalan os xuíces e os radicais queiman as rúas". En resposta, Pedro Sánchez pediulle a Cs e PP que rompan os seus pactos territoriais e locais "con aqueles que os están comendo pola ultradereita".