O novo estado de alarma marca este luns a Conferencia de Presidentes
Neste novo estado de alarma, os presidentes autonómicos serán as autoridades delegadas competentes en cadanseu territorio.
Pedro Sánchez abordará con eles a xestión do fondo europeo de recuperación económica. Por iso asiste virtualmente, por primeira vez, a esta Conferencia de Presidentes a número un da Comisión Europea, Úrsula Von der Leyen. Á parte de falaren do reparto de cartos, os executivos autonómicos tratarán con Sánchez sobre a nova situación. Mañá, o Consello de Ministros aprobará unha prórroga de seis meses para estender o estado de alarma ata o 9 de maio e o texto someterase a votación previsiblemente esta semana no Congreso. O Goberno pediu o apoio de todos os grupos parlamentarios á prórroga.
Adriana Lastra, vicesecretaria xeral do PSOE: "Esperamos o señor Casado, esperamos o Partido Popular moderado e responsable que prometeu hai uns días a toda España, agárdamolo nos feitos, a responsablilidade e os acordos, nesta resposta que todos estamos dando levantando unha fronte común diante da pandemia".
Espérase que ao longo do día de hoxe se faga pública a postura do líder da oposición. Desde Ciudadanos, Inés Arrimadas cre que se trata dunha cuestión de Estado e que hai que evitar un novo confinamento. Pero esíxelle a Sánchez un plan de rescate para todos os sectores en perigo coa nova medida.
Inés Arrimadas, presidenta de Cs: "Pero dicímoslle ao Goberno de España que tome as rendas, que non pode seguir intentando derivar a súa responsabilidade ás comunidades autónomas, decretar este estado de alarma era necesario para tomar medidas restritivas, pero é necesario tamén que o Goberno de España o coordine, asuma a súa responsabilidade, teña o mando".
Así o entenderon tamén os once executivos autonómicos, ningún do PP, que lle pediron ao Goberno que decretase o estado de alarma. Con todo, o presidente de Murcia, o popular López Miras, asegurou que, inda que chegan tarde, as medidas son benvidas.
Fernando López Miras, presidente da Rexión de Murcia: "Lealdade co Goberno de España, unidade de acción e cogobernanza. Celebro que se acabara de ofrecer dezasete respostas diferentes á pandemia que está asolando España".
Discrepa a presidenta madrileña, que ve o estado de alarma como un fracaso.
Isabel Díaz Ayuso, presidenta da Comunidade de Madrid: "É unha situación que o Goberno puido evitar".
Coincide nesta opinión a Xunta de Galicia. O executivo galego cre que un novo estado de alarma non é a mellor solución agora, defende as restricións, pero cre que a loita contra a pandemia esixe unha reforma da lexislación sanitaria.
Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta: "Aquí hai unha pandemia, o que non hai é unha lei porque é unha situación nova, houbo tempo de sobra para facela, sería de aplicación a todos e non estariamos agora nestes golpes de efecto e nestas incertezas".
Desde a Xunta aseguran que un novo estado de alarma vai ter un custo enorme na reputación de España.