CRTVG

Buscar

San Cristovo das Viñas: unha illa rural esquecida na cidade da Coruña

Publicado o 04/08/2021 14:44

San Cristovo das Viñas é un núcleo rural esquecido no tecido urbano da Coruña. Cando se construíu a chamada terceira rolda, algunhas das vivendas deste barrio foron expropiadas. Pero outras perduraron, nun territorio que agora é competencia de distintas administracións.

José Juan Videla Rodríguez, veciño de San Cristovo das Viñas, explica que a partir dese momento convertiuse en "veciño da administración central con Fomento e por outra parte tes que pelexar coa Administración local. Isto converteuse nunha especie de illa en medios de zonas altamente urbanizadas, polígonos de vivendas, zonas comerciais, polígonos industriais". 

A veciñanza reclama que as distintas administracións se ocupen do mantemento e limpeza das zonas que lindan coas propiedades veciñais, que se sinalicen os accesos ou que se cubran servizos tan básicos como as subministracións de gas natural ou Internet por cable.

Roberto López, tamén veciño do barrio, asegura que se abastecen de bombonas de propano industriais grandes que nos teñen que traer aquí porque falta o gas natural. O que é Internet estamos pelexando con Movistar porque nos provén cun router que e vía radio, que é como se fose un teléfono móbil".

San Cristovo das Viñas é un lugar con historia. A súa igrexa ten 400 anos de antigüidade e dálle nome á parroquia, unha das cinco que aínda existen na Coruña. Para a veciñanza, este é outro motivo máis para preservar o barrio.

Juan Carlos Moure, vogal da Asociación de veciños Os Anxos de San Cristovo das Viñas, sinala que "aí estaba o río de Monelos,que agora está canalizado tamén. Aquí hai xente que ten animais, que ten galiñas e tamén destacaría a igrexa de San Cristovo das Viñas, que é moi antiga, para merecela un pouco e tamén o cementerio. Ata nas comunicacións e nas estradas estamos un pouco desanxelados e esquecidos".

Nesta zona viven medio centenar de familias, que a día de hoxe reclaman que se garantan os servizos e infraestruturas básicas que lles corresponden como habitantes da cidade da Coruña.

Noticias web

04/08/2021