Salvamento Marítimo comeza a remolcar o Sempre Güeto malia as condicións adversas
O estado do mar impediu, ata en dúas ocasións que os mergulladores puidersen acceder ao Sempre Güeto para atar os cabos para efectuar o remolque. Os efectivos de Salvamento Marítimo decidiron entón empregar un cabo da embarcación semiafundida, non foi a pique porque hai compartimentos estancos que o fan manterse a flote. O Sar Gavia de Salvamento trata de levar o cerqueiro a zonas duns 70 metros de profundidade. Con todo, comezou o remolque esta tarde nas proximidades de Cedeira. Cualifícano "de fortuna", porque ten moitas complicacións. Se todo sae ben, está previsto que o cerqueiro chegue ás 11 da mañá ao porto exterior de Ferrol.
Loito en Portosín
Bandeiras a media hasta e mariñeiros en terra en Portosín. O mar golpeou de novo esta vila mariñeira, a onde volvía o Sempre Güeto tras a campaña do bocarte."O golpe é duro, moi duro. Pero son cousas do mar. Cando saen sempre se expoñen a iso"
O Concello decretou dous días de loito oficial. A tripulación do barco afundido é de sobra coñecida en Portosín, que prepara xa a despedida dos dous falecidos. Dous mariñeiros de 45 e 47 anos.
No pensamento teñen tamén os 8 tripulantes que sobreviviron ao naufraxio. Os barcos do bocarte volvían en grupo, o que axudou no rescate"Vían o barco, pero ao momento xa viron que estaba a quilla ao sol... Estaban a unha milla deles, déronlle forza e puideron rescatar os oito mariñeiros que estaban na auga", di Isaac Gaciño, patrón maior de Portosín.
Aínda que aceptan a quiniela que é saír ao mar, en Portosin insisten en que se investigue o accidente. Canto máis se sabe do que falla en mar aberto, din, máis se poderá traballar para evitalo.