Illa deixa o Ministerio de Sanidade para centrarse na campaña catalá
O ministro de Sanidade, Salvador Illa, candidato do PSC ás eleccións catalás, inicia hoxe as súas últimas 24 horas á fronte do ministerio. Mañá martes será o seu último Consello de Ministros, e coñecerase a substitución en Sanidade. O mércores terá lugar no Palacio da Zarzuela a toma de posesión ante ao Rei do novo titular do departamento.
Salvador Illa visitou esta mañá a Axencia Española de Medicamentos xunto ao presidente do Goberno, nun dos seus últimos actos como ministro de Sanidade. Sánchez aproveitou a súa intervención para despedirse publicamente. Loubou o seu traballo pero dixo que é moi importante o seu salto a Cataluña.
A confirmación de Moncloa de que Illa dimite mañá sorprendeu no Congreso, xa que o ministro tiña prevista unha comparencia o mércores sobre a pandemia. Os socios de Goberno, Unidas Podemos, consideran un erro que marche antes de dar explicacións.
Na mesma liña, toda a oposición criticou que dimita xusto o día antes da comparecencia. No PSOE din que Illa sempre informou sobre a pandemia, de forma continua e rigorosa, e piden agora un prazo de cortesía parlamentaria para que dea as explicacións o novo ministro.
Fontes socialistas dan por feito que Carolina Darias será a nova titular de Sanidade e que Iceta tamén entrará no Goberno. A actual ministra non entraría de novas a este departamento, porque leva xunto a Sánchez e Illa inmersa na xestión da crise sanitaria todos estes meses e na cogobernanza coas comunidades autónomas.
A marcha de Illa para concorrer como candidato á Generalitat nas eleccións autonómicas previstas para o 14 de febreiro aboca á primeira remodelación do Goberno de coalición.
O anuncio de que concorrería ás eleccións produciuse o pasado 30 de decembro, pero Illa decidiu manterse no cargo ata o inicio da campaña.