CRTVG

Buscar

Illa abre a porta a adiantar o toque de queda, como solicitan varias comunidades

Publicado o 19/01/2021 12:55

O debate sobre o adianto do toque de queda chega este mércores ao Consello Interterritorial de Saúde. Varias comunidades piden máis ferramentas para loitar contra a pandemia, pero o Goberno di que os instrumentos que hai abondan para conter esta terceira onda.

Con todo, o ministro de Sanidade, Salvador Illa, non pecha a porta, e di que escoitará as propostas dos executivos autonómicos: "Eu non vou ter unha postura de atrancamento, escoitarei, pero trátase dun dereito fundamental, o de mobilidade, e todas estas medidas teñen que tomarse coas máximas garantías xurídicas".

Nunha entrevista nunha emisora de radio, Illa avogou por esperar os días necesarios para que as restricións teñan o seu efecto na evolución da pandemia, antes de tomar unha decisión sobre o adianto da hora do toque de queda ás 20:00 horas, tal e como reclamou o Goberno de Castela e León.

"Os instrumentos que hai, insisto, se se utilizan adecuadamente como se están utilizando por parte das comunidades autónomas, se se espera o tempo necesario para que dean resultados, son suficientes segundo o criterio dos nosos expertos para dar resposta a este incremento de casos", considerou o ministro.

Asegurou que "sempre tivemos unha actitude de escoita e de considerar as diferentes propostas que nos fan as comunidades autónomas e os distintos actores neste combate contra a pandemia", aínda que o Goberno optou por recorrer a proposta de adiantar ás 20:00 horas o toque de queda de Castela e León.

A conselleira de Saúde de Cataluña, Alba Vergés, criticou este luns que o Goberno presentara este recurso á petición de Castela e León, á vez que pedía a outras autonomías o seu punto de vista e propuxera debater este tema no Consello Interterritorial de Saúde que se celebra os mércores.

Illa recoñeceu que a evolución da pandemia "agora é moi preocupante" e que o incremento de casos se debe ao período do Nadal e, concretamente, a fin de ano, segundo as análises dos servizos do Ministerio de Sanidade. 

 

Noticias web

19/01/2021