CRTVG

Buscar

Salceda de Caselas e Coristanco soben ao nivel alto de restricións, polo que terán que pechar o interior dos locais de hostalería

Publicado o 28/04/2021 20:39

A comarca de Bergantiños non acaba de controlar a trasmisión do virus. Os contaxios aumentaron na última semana en Carballo e na Laracha; e especialmente en Coristanco, que superou a barreira dos 150 casos por cen mil habitantes.

Aumentarán as restricións a partir do venres. Os bares e restaurantes terán que pechar o interior, e só poderán servir na terraza, e coa metade das mesas.

O mesmo sucede no municipio de Salceda de Caselas, no sur de Galicia, que tamén pasa a un nivel alto de restricións, tras chegar a unha taxa de incidencia de 185 casos por cen mil habitantes nos últimos días.

Moi preto de Salceda, en Tui, tamén se endurecen as medidas, ao dispararse os casos por tres gromos de orixe familiar. A ocupación nos locais de hostalería redúcese a un 30 por cento. Un duro golpe para un sector que xa viu reducida a súa facturación polo peche das fronteiras con Portugal.

Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui"Hai que seguir facendo un chamamento á responsabilidade, e ter claro que se debe evitar calquera tipo de celebración"

En Ourense hai dos concellos, Verea e A Merca, onde tamén se incrementaron os casos, polo que a hostalería só poderá atender na terraza.