CRTVG

Buscar

Salamanca e Valladolid volven á fase 1 para frear a transmisión comunitaria

Publicado o 01/09/2020 18:02

A Xunta de Castilla e León anunciou este martes novas medidas "drásticas" para tratar de frear a dinámica de contaxios de covid-19 nas cidades de Salamanca e Valladolid, onde quedarán restrinxidas desde o xoves actividades como os velorios, o culto relixioso, a hostalería, o lecer e as reunións familiares, prohibidas para máis de 10 persoas, xa sexa no ámbito privado ou nun lugar público.

O vicepresidente da comunidade, Francisco Igea, e a conselleira de Sanidade, Verónica Casado, xustificaron estas restricións pola dinámica de incremento de contaxios e a incidencia en forma de falecementos que prevén para as próximas semanas nestas cidades, aínda que o tamén portavoz do Executivo engadiu que polo momento "a idea é que non afecte ao principio de curso".

Casado recoñeceu que en ambas as cidades existe xa o que se denomina "transmisión comunitaria", no sentido de que os contaxios xa non están controlados polos rastrexadores, polo que a goberno autonómico pediu a colaboración do Goberno central e os concellos para que as policías que dependen destas administracións sexan exhaustivas no control destas restricións.

A Comunidade de Madrid acumula o terzo dos casos do total de España

A Comunidade de Madrid segue sendo a que máis preocupa a Sanidade ao acumular un terzo dos casos e case a metade dos falecidos das dúas últimas semanas. O goberno autonómico reforzou nun 35 por cento os transportes de metro e de autobús, e novas medidas para controlar as ocupacións na estacións. Tamén pecha as piscinas públicas e pola noite os parques e xardíns da cidade.

Cataluña suma 12 falecidos nas últimas 24 horas, cun risco de repunta moi alto na comarca ilerdense do Segriá e na área metropolitana de Barcelona. Por iso non desbotan solicitar o estado de alarma.

En Andalucía bate a súa marca de positivos por PCR en 24 horas sumando case mil e suma sete falecidos. O goberno autonómico ditou novas normas máis restritivas para as vodas e outras celebracións similares limitando horarios e ocupación. Nos locais pechados o máximo permitido serán 100 persoas e non 250 como ata o de agora.

Mesmo estuda pechar as praias entre as nove da noite e as sete da mañá. Con este aumento da transmisión do virus, os rastrexadores de contactos cobran cada vez máis importancia. O exército xa leva días apoiando nestas tarefas ás comunidades que así o soliciten.

Pero tamén hai noticias positivas arredor do coronavirus. Aplausos dos sanitarios co paso á planta do home que estivo máis tempo na UCI en España, 159 días. Unha agridoce marca que remata con final feliz neste hospital de Mallorca.