Saen á luz novos vídeos sobre a explosión de Beirut, que xa deixa 137 mortos
As autoridades elevaron a 137 o número de mortos causados polo accidente. Con todo, hai ducias de desaparecidos e o número de feridos ascende a 5.000. Outras 300.000 persoas quedaron sen fogar.
Sucédense os testemuños gráficos que mostran imaxes como unha noiva na súa sesión de fotografía ou un sacerdote que oficiaba unha misa no momento dun estoupido que se escoitou ata 20 quilómetros de distancia.
A onda expansiva chegou ata un hospital. A sociedade libanesa está conmocionada. A crise económica súmase á sanitaria, cunha pandemia desbocada, que, segundo o Goberno podería intensificarse pola destrución das infraestruturas.
A sociedade civil mobilízase para facer fronte a enésima crise do país ao tempo que chega a axuda humanitaria internacional.
O presidente de Francia Enmanuel Macron viaxou hoxe a Beirut, mentres que o estadounidense Donald Trump, afirmaba que puido ser un ataque terrorista, unha opinión non compartida polo seu propio departamento de Estado.
O Goberno libanés ordenou a detención domiciliaria dos responsables da carga explosiva.