Sae de Cabul o primeiro avión con repatriados españois
O primeiro dos avións militares enviados por España saía esta mañá de Dubai e aterraba pasada a unha da tarde no aeroporto de Cabul coa misión de repatriar o persoal da embaixada e os seus colaboradores afgáns. Segundo explicou o alto representante da UE para a Acción Exterior, Josep Borrell, un dos atrancos que atopan é "como facer chegar ao aeroporto as persoas que despois teñen que embarcar, cousa que non é tan fácil".
A maiores, esta mañá, un terceiro avión medicalizado das Forzas Armadas partía dende a base madrileña de Torrejón cara a Dubai, para colaborar nos labores de repatriación. O ministro da Presidencia, Félix Bolaños, aseguraba esta mañá que "o Goberno está traballando sen descanso para traer canto antes os españois e os colaboradores afgáns, para que canto antes, sans e salvos, estean en España".
De todos estes pasos informaba o presidente do Goberno a través de Twitter. Dende o PP pídenlle que compareza publicamente como fan outros dirixentes europeos. A voceira do PP no Parlamento Europeo, Dolors Montserrat, afeáballe a Pedro Sánchez "estar de vacacións na súa tumbona" e esíxelle "que rompa o seu silencio e que compareza no Congreso dos Deputados e explique a todos os españois e a todos os europeos cal vai ser a posición de España".
Súmase ás críticas Ciudadanos. A coordinadora de Cs en Madrid, Begoña Villacís, amosábase ante a prensa "convencida de que en Europa tamén se están preguntando porque non sae España a explicar cal é a súa posición".
Nas últimas horas, España ofreceuse para acoller temporalmente os preto de 400 afgáns que durante dúas décadas traballaron para a Unión Europea. Medio cento quedaría no noso país e o resto repartiríase entre os estados membros.