CRTVG

Buscar

Sae da UCI a primeira paciente do Lucus Augusti que entrara polo coronavirus

Publicado o 07/04/2020 14:14

Este é o momento en que logo de máis de dúas semanas ingresada na unidade de coidados intensivos, a muller de 66 anos que foi a primeira persoa da área sanitaria de Lugo que ingresou por coronavirus na unidade é trasladada a unha planta do Hospital Lucus Augusti.

O persoal sanitario que a atendeu dende o 22 de marzo valorou que a súa evolución estaba a ser positiva, coa desaparición de síntomas e riscos, e por iso decidiron o seu traslado. Nos últimos días foron varios pacientes do hospital lugués os que puideron prescindir da respiración asistida e agárdase que nas vindeiras horas outros dous afectados poidan pasar tamén a planta.

Dende o Lucus Augusti sinalan que os traslados non comezaron antes porque o coronavirus chegou máis tarde a Lugo que a outras zonas de Galicia e de España e, por tanto, os seus síntomas tardaron máis en manifestarse. Ademais, lembran que se trata dunha doenza de evolución longa que pode supoñer ata tres semanas de coidados intensivos.

Na área sanitaria de Lugo, que inclúe dous hospitais na capital así como os de Monforte e Burela, hai 65 persoas ingresadas por coronavirus, 15 menos que no día de onte.

Noticias web

07/04/2020