CRTVG

Buscar

Sae á luz un vídeo inédito do 'Give peace a chance' con Jonh Lennon e Yoko Ono

Publicado o 13/04/2021 21:28

Podería ser un día solleiro desde calquera balcón dunha praia calquera. Pero a música non é calquera música... Tampouco son calquera os que a tocan e a cantan... Recoñecemos o lendario tema e recoñecemos uns acabados de casar John Lennon e Yoko Ono. 

'Give peace a chance ' (Dálle unha oportunidade á paz) foi gravado o 25 de maio de 1969 neste cuarto do Hotel Sheraton das Bahamas. A compañía de discos do artista, como adianto do 50 aniversario do álbum, publica o vídeo inédito como "a primeira actuación do mítico tema".

Un mes antes desta gravación a parella pasara a súa lúa de mel na cama dun hotel de Ámsterdam protestando contra a guerra do Vietnam. A idea era trasladarse a Nova York para gravar o 'Give peace a chance' tamén nun hotel e tamén na cama. Negóuselles a entrada nos EUA. Fixérono finalmente en Montreal. Inesquecible versión, inesquecible vídeo...

Hoxe sabemos que 6 días antes desas icónicas imaxes estiveron nas Bahamas. Que cambiaron a cama polo sofá e que, entre miradas de complicidade, risas e improvisacións, cantaron un dos himnos pacifistas máis emblemáticos da historia.

 

Noticias web

13/04/2021