CRTVG

Buscar

Sada insta a actuar xa para que os Franco non retiren o mobiliario de Meirás

Publicado o 20/04/2021 15:20
Sada insta a actuar xa para que os Franco non retiren o mobiliario de Meirás

O Concello de Sada, onde está o pazo de Meirás, instou a Xunta a adoptar medidas inmediatas para evitar que a familia Franco "retire os bens mobles do pazo", logo de que a Audiencia da Coruña revogara o depósito do mobiliario en favor do Estado.

Nun comunicado, o consistorio demándalle ao Goberno autonómico a incoación urxente de modificación do decreto de Ben de Interese Cultural do pazo para asegurar a súa integridade.

Segundo o concello, deste xeito poderíase incluír no seu anexo a relación de bens mobles que quedan asociados á categoría de sitio histórico e, unha vez publicado no Diario Oficial de Galicia, outorgaríalle automaticamente aos bens as "debidas cautelas para evitar que os Franco poidan exercitar o dereito de retirada que o desatinado auto lles recoñece".

Considera que a Xunta debe moverse antes de que sexa demasiado tarde. "O pazo de Meirás quedaría degradado e desvalorizado se os Franco retiran os bens mobles do seu interior", declara o alcalde de Sada, Benito Portela.

Segundo o rexedor, moi crítico coa sentenza, "o Estado non incautou nada, quen se apropiou de bens durante anos foron os Franco. O Estado de dereito tamén é a defensa da integridade dun Ben de Interese Cultural".

A Xunta pide respectar o Estado de dereito

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade dixo que a Xunta estudará o auto da Audiencia Provincial da Coruña e pediu "respectar o Estado de dereito e as sentenzas xudiciais". En declaracións á prensa durante unha visita ao Centro Integrado de Formación Profesional Ánxel Casal, Román Rodríguez considerou "prematuro" facer unha valoración do ditame "sen coñecer o alcance completo".

"Non debemos perder de vista o traballo feito e a unión de esforzos e intereses que demostramos as administracións nun anhelo común: que as Torres de Meirás se integren no patrimonio público", salientou.

Respecto ás dúas estatuas do Mestre Mateo que están no pazo, o tribunal lembra no seu ditame que son as únicas que están catalogadas como Ben de Interese Cultural (BIC) e que a Lei de patrimonio de Galicia "non establece ningunha perda de propiedade civil" por parte dos titulares deses bens polo feito de estar catalogados.

"As esculturas non perden a súa condición de BIC, algo que é fundamental para garantir a súa conservación", explicou o conselleiro. Ademais, lembrou que "hai un grupo de traballo", composto por historiadores e xuristas, do Concello de Santiago e da Xunta de Galicia, para poder "reproducir o proceso xurídico" do pazo de Meirás. "Agardamos chegar a un bo porto neste caso", engadiu.