CRTVG

Buscar

Sabucedo celebra a primeira rapa en pandemia

Publicado o 27/08/2021 14:25

O tempo axuda para andar hoxe polo monte. Desde pola mañá cedo, persoas de todas as idades buscan cabalos salvaxes polos montes que rodean Sabucedo. Está despexado, pero hai que andar porque a zona é moi ampla 

"Unha manda que ten un garañón que lle chamamos o fungón, que é moi arisco. Estivemos tratando de localizalo estes días pero non puidemos e imos agora de camiño aos montes das Quintas para ver se o damos localizado e o xuntamos coas outras mandas", explica Iván Sanmartín, da asociación da Rapa das Bestas de Sabucedo. 

"Hoxe é o día grande da rapa, é o día da baixa. Antigamente este día había curro pero hoxe só é a baixa, xuntar todas as bestas para levalas á vila", anuncia Xosé Henrique Bazal, secretario da Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo.

No monte é fácil manter a distancia de seguridade así que a pandemia non cambia un dos momentos máis especiais da rapa. O momento en que a xente conduce unha manda de cabalos ao peche do peón. Un dos peches establecidos para reunir todos os cabalos antes de baixalos ao curro. Será o primeiro curro en pandemia porque o ano pasado non se celebrou. 

"Convidamos a xente a que veña con seguridade, temos bastantes zonas de aparcadoiro, zonas onde comer para que non haxa aglomeracións. Vai ser unha rapa distinta pero moi segura tamén. Quen veña vai ter a seguridade de que non vai a haber problemas", asegura Bazal. "O que cambia é no curro porque os aloitadores van facer tests de antíxenos os dous días do curro: o sábado ás 6 e o domingo ás 12. E a xente que accede ao curro reduciuse", engade Sanmartín. 

As imaxes de aglomeración non se volverán repetir. Cada persoa do público terá un sitio asignado. A ocupación reduciuse un terzo e as entradas xa se venderon telematicamente. Os aloitadores someteranse aos tests porque lles resulta complicado levar máscara. Todo para unha celebración segura.


 

Noticias web

27/08/2021