CRTVG

Buscar

A Xunta activa a alerta vermella por vento e temporal costeiro para o sábado

Publicado o 20/12/2019 21:38

• Fabien traerá ondas de nove metros e refachos de ata 140km/h no norte da provincia da Coruña e na Mariña lucense 

• Aviso laranxa por vento en toda a comunidade

• Continúa o nivel de emerxencia por risco de inundacións

• A borrasca Elsa deixou en Galicia 1.800 incidencias

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta alerta dun temporal costeiro de nivel vermello que afectará todo o litoral galego a partir de mañá, segundo informou o Goberno galego nun comunicado.

Tamén estará activa a alerta vermella por vento no noroeste da Coruña na Mariña lucense, a partir de primeiras horas da tarde. Ademais, desde as 6,00 horas, quedará tamén activado o nivel de alerta laranxa por vento en toda a comunidade.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), desde primeiras horas da mañá actívase o aviso laranxa en todo o litoral galego que pasará a nivel vermello pola tarde, con mar combinado do oeste con ondas que poden alcanzar os 9 metros e ventos do oeste-suroeste de forza 9.

Ademais, desde as 6,00 horas de mañá, sábado, actívase a alerta laranxa en toda Galicia por vento do suroeste que poden alcanzar refachos de 100 quilómetros/hora. A partir e das 15,00 horas, prevese que pase a ser alerta vermella no noroeste da Coruña e na Mariña de Lugo, onde os refachos poderán chegar aos 140 quilómetros por hora.

O Goberno galego aconsella a suspensión das actividades pesqueiras, marisqueiras e deportivas nas zonas máis perigosas, así como extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade non mar e revisar os cabos e amarres das embarcacións. Tamén, desde a Secretaría Xeral para ou Deporte ínstase á suspensión de todas as actividades deportivas ao aire libre nas zonas afectadas.

Galicia quedará afectada mañá por unha nova borrasca, Fabien, que vai pasar polo Cantábrico. Deixaranos un día de temporal de chuvia e vento. Todo o país quedará pola tarde baixo un aviso de nivel laranxa por risco importante. O peor estará nas zonas altas e no litoral da Coruña e Lugo. 

Ana Lage, meteoróloga de MeteoGalicia: "A situación en terra vai ser de moito vento e de precipitacións que van superar os 40 litros por metro cadrado en 12 horas, sobre todo no interior da provincia de Pontevedra. No mar vai ser moi complicado, por mar de vento e mar de fondo. De feito, hai un aviso vermello".

Este aviso por risco extremo debido a fenómenos costeiros afectará principalmente o litoral coruñés e, a última hora, a Mariña luguesa. Espéranse ondas por riba dos nove metros e refachos de vento de máis de 75 quilómetros por hora. Parece que o tempo mellorará a semana que vén. 

Ana Lage, meteoróloga de MeteoGalicia: "Aínda durante o luns teremos o paso dunha fronte moi pouco activa que vai deixar algunha precipitación feble. A partir de aí imos ir notando unha melloría. Quedaremos nunha situación anticiclónica".

Se se cumpren as previsións, a partir do martes volveremos ver o sol.

A Federación Galega de Fútbol suspende os partidos de fútbol deste sábado

A Real Federación Galega de Fútbol suspende todos os partidos de fútbol programados para este sábado día 21 de decembro en toda Galicia debido á previsión de fenómeno meteorolóxico adverso anunciado pola Dirección Xeral de Emerxencias da Xunta de Galicia.

O Miño, en rexistros históricos en Ourense

Hoxe, en Ourense, todas as miradas acaban no Miño.

Baixa cun caudal de 3.400 metros cúbicos por segundo. Nove veces máis do habitual nesta época do ano. A dous metros aproximados para chegar á nacional 120.

A terra non tolera máis auga e cede. Esta é a estrada de Herosa, na Gudiña. 30 veciños quedaron incomunicados e un traballador do GES rompeu un perna ao caer na fenda.

Setenta árbores caídas contaron na Universidade Laboral de Ourense. Unha coouse nunha aula. E en Verín, tiveron que suspender as clases neste instituto, o Castro de Baronceli, ao saír voando o tellado. Pero o maior problema na comarca de Monterrei é a auga. O Támega rebordou en varios puntos, cortando estradas no Rabal, a Pousa ou Vilela. En Cabreirorá, o río chegou tamén ás casas.

No Barco de Valdeorras tamén houbo anegamentos, neste caso por filtracións, ao non dar absorbido máis auga o terreo. E na Limia semella rexurdir a antiga lagoa de Antela.

Inundacións na Limia

Na Limia levan xa días cos campos anegados porque non dan tragado máis auga. Pero a situación complicouse nas últimas horas polo rebordamento do Limia, nas inmediacións da estrada que comunica co concello veciño de Baltar. A pista da Armada, que dá servizo a varias vivendas, está cortada e unha veciña da zona tivo que ser evacuada polos bombeiros e Protección Civil porque non podía saír da súa vivenda.

Tamén están afectadas as localidades de Paredes e Rebordachá onde hai naves anegadas, e a auga atravesa a estrada, aínda que de momento non foi cortada ao tráfico. Todo vai depender, advirte o tenente de alcalde Amador Díaz, de como transcorran as próximas horas xa que farían falta 5 ou 6 horas de tregua da chuvia para que alivie a situción.

A estrada que atravesa a parroquia de San Salvador de César, en Sarria, tivo que ser cortada logo de vir abaixo parte dun tramo por causa da chuvia. Afortunadamente, non houbo que lamentar danos persoais pero as obras de reconstrución van ser moi complicadas e a os veciños terán que dar rodeos. En Lugo, a imaxe do día foi o afundimento dun catamarán turístico por causa da crecente do Miño, que chegou aos 577 metros cúbicos por segundo. E na Terra Chá prolongouse o anegamento de leiras e estradas, como nas xornadas anteriores.


"Nas casas non entra pero fai moito dano nas leiras. Ademais son xa moitos días seguidos."

"O meu neto viña de traballar e tivo que deixar o coche e vie a pé porque non se pasaba."

O concello de Castro de Rei segue a ser o máis afectado, co corte de ata dez estradas e con numerosas casas ás que só se pode acceder a pé. Ademais da vía que veu abaixo, en Sarria foi preciso cortar outra pola caída de árbores no firme. Os veciños do centro da provincia agardan que o temporal que se espera para mañá non cause aínda máis problemas.

Rebordamento en Sarria

A estrada que atravesa a parroquia de San Salvador de César, en Sarria, tivo que ser cortada logo de vir abaixo parte dun tramo por causa da chuvia. Afortunadamente, non houbo que lamentar danos persoais pero as obras de reconstrución van ser moi complicadas e a os veciños terán que dar rodeos. En Lugo, a imaxe do día foi o afundimento dun catamarán turístico por causa da crecente do Miño, que chegou aos 577 metros cúbicos por segundo. E na Terra Chá prolongouse o anegamento de leiras e estradas, como nas xornadas anteriores.

"Nas casas non entra pero fai moito dano nas leiras. Ademais son xa moitos días seguidos."

"O meu neto viña de traballar e tivo que deixar o coche e vie a pé porque non se pasaba."

O concello de Castro de Rei segue a ser o máis afectado, co corte de ata dez estradas e con numerosas casas ás que só se pode acceder a pé. Ademais da vía que veu abaixo, en Sarria foi preciso cortar outra pola caída de árbores no firme. Os veciños do centro da provincia agardan que o temporal que se espera para mañá non cause aínda máis problemas.

O Miño rebordou en Tui, Tomiño e Salvaterra
 

Os veciños de Tui acoden a ver o rebordamento. Sorpréndelles a forza coa que baixa o río, arrastrando árbores e mato. E ver a mariña e o paseo fluvial asolagado. Só os máis maiores lembran unha enchente maior.

Xa hai tres días que o Miño saíu do leito en localidades como Tui, Tomiño ou Salvaterra, pero as alertas saltaron na madrugada deste venres ao anunciar o encoro da Frieira, que ía comezar desaugar por riba do seu nivel de emerxencia. A Comandancia Naval reforzou a vixilancia no río e nas súas marxes.

En Salvaterra quedou asolagado o Paseo da Canuda. A Policía Local tivo que ceibar os animais do parque para que non afogasen. En Tomiño inundáronse as zonas de Amorin, Carregal e Forcadela. E en Gondomar teñen a vista posta no encoro de Zamáns.

Loito en Santiago

A borrasca Elsa deixou un regueiro de incidencias na provincia da Coruña. A máis grave, o falecemeno dun home en Santiago ao quedar sepultado baixo as pedras dun muro no parque de San Domingos de Bonaval. O corpo do home de 80 anos e veciño da zona foi atopado nos traballos de desentullo, xa que no momento do desprendemento non había xente no lugar. Tamén se viron afectados tres coches aparcados na rúa.

En Sada, os veciños sufriron as inundacións máis graves por culpa da borrasca. Agora avalían os cuantiosos danos materiais e piden medidas urxentes para evitar novos asolagamentos nas súas casas e negocios. Din que é xa a segunda vez que viven este pesadelo.

Na comarca de Bergantiños os ríos de Carballo e Ponteceso permanecen desbordados, houbo cortes de luz e a auga anegou baixos comerciais e garaxes.

No concello de Rois unha aldea quedou illada pola enchente do río Sar. O caudal superou a ponte que comunica este núcleo co resto do municipio. Veciños dos concellos afectados da provincia coruñesa polo temporal permanecen moi pendentes do ceo ante a inminente chegada da borrasca Fabien.

Alerta vermella na costa, laranxa en toda Galicia
Toda a costa vai estar en aviso vermello entre as seis da tarde do sábado e a mañá do domingo. A peor parte será para a Mariña de Lugo e para o litoral norte da Coruña, dende a Costa da Morte onde estamos ata Estaca de Bares. Nestas zonas a Xunta activou a alerta vermella xa a partir das tres da tarde de mañá, por ondas que poden superar os nove metros, e ventos de ata 140 quilómetros por hora. Unha situación de risco extremo en que se aconsella non pescar nin practicar deportes acuáticos, e afastarse tamén das praias e paseos marítimos. E non só a costa sufrirá mañá o paso da nova fronte: en toda a comunidade haberá alerta laranxa polo vento.


 



 

 

Noticias web

20/12/2019