Ruta polas brañas do Sar para coñecer especies ventureiras de plantas e o seu uso
Un paseo de hora e media pode servir para coñecer un pouco máis a contorna onde vivimos. Este grupo sae da Colexiata do Sar co obxectivo de identificar e coñecer algo máis das plantas ventureiras que nacen nas brañas: "Gústannos moito as plantas e queremos coñecer a vexetación da contorna porque vivimos aquí. É un tema moi interesante, saber de novas plantas". "A min gústame a menta, porque ole moi ben e é moi bonita". "Encántanme as plantas, canto máis me adentro neste mundo teño máis fascinación por elas e doume de conta de tantos usos que lles podemos dar pero cada vez estamos máis separados delas".
Paramos para identificar máis dunha ducia de especies. Plantas silvestres como a silva, que consideramos unha mala herba.
"A maioría das plantas rubideiras como a hedra válennos para cestería. A esta quitándolle as espiñas e as follas, sobre todo os gromos máis tenros, secos, pódense tomar en infusión", explica Irene López, guía medioambiental do Centro de Interpretación de Parques e Xardíns de Santiago.
A maioría destas plantas silvestres son comestibles, como as labazas, o mexacán ou as variedades de plantagos. Sábenlles moito a uns animais dos que tamén se aproveita todo.
"Acostuman ir moito a moitas das plantas que falamos hoxe que se poden comer en ensalada. Encántalles o plantago, que é esta, gústalles o dente de león. Normalmente, se o come o porco, está bo. Non son parvos os porcos".
Irene aconséllanos recollelas en lugares sen contaminación de persoas ou animais e lavalas moi ben antes de usalas na cociña.