Deporte, paisaxe e turismo conflúen na I Ribeira Sacra Cycling Road
Algo máis de 300 afeccionados ao ciclismo se deron cita na primeira edición da Ribeira Sacra Cycling Road. Nogueira de Ramuín foi o punto de saída dunha proba para afeccionados que discorreu polos concellos ourensáns da Ribeira Sacra. A xornada contou co excampión do mundo e da Volta a España, Abraham Olano, como padriño.
"A zona é moi bonita e hai que gozala. Pero hai que vir preparado porque é unha zona dura", asegurou o exciclista.
Na proba había ata un 40 % de participantes chegados de fóra de Galicia, así que dende a organización consideran que servirá como ferramenta promocional para o turismo da comarca. Os ciclistas percorreron máis de 100 quilómetros polo que puideron gozar amplamente da paisaxe.
"Queremos que a xente veña gozar da Ribeira Sacra dunha forma diferente. Con deporte, gastronomía e turismo", dixo Serafín Martínez, director técnico da proba.
Malia discorrer por zonas de forte pendente, os ciclistas -incluso os máis veteranos- tiñan claro que estes eventos son para gozar da xornada sen competitividade. Con todo, é importante repoñer forzas durante o percorrido e intercambiar impresións.
Na organización desta primeira Ribeira Sacra Cycling Road colaboraron o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico e a Axencia de Turismo de Galicia.