CRTVG

Buscar

Rubén Fernández soña con dar o salto á categoría raíña do MXGP

Publicado o 08/12/2020 20:14

Rubén Fernández empurra unha moto que lle deu alegrías este ano. "O obxectivo ao principio da temporada era conseguir estar entre os 10 primeiros. De feito rematei noveno no campionato do mundo. Despois no campionato de España conseguín saír campión", lembra o piloto.

Pero Rubén non se conforma. Por iso decidiu cambiar de moto e escudería. De Yamaha a Honda: "Nesta última temporada, malia os bos momentos que tivemos, non quedei de todo satisfeito e buscaba un equipo máis profesional, máis competente".

Coa súa nova Honda buscará metas máis ambiciosas. "O obxectivo é pelexar por algún ca outro podio e estar entre os 5 primeiros ao final do campionato", sinala Rubén.

Pero o vigués sabe que para pelexar cos de adiante non só ten que mellorar a súa montura. Tamén hai cuestións de pilotaxe que puír coma recoñece Rubén.

"A característica principal que debería mellorar sería as saídas, conseguir saír máis adiante que iso é a metade das carreiras. É unha cousa que fai moi ben Jorge Prado".

É inevitable falar de motocrós e que apareza o nome do piloto lugués. "Sempre corremos xuntos e iso é algo bonito de ver. Agora el está nunha categoría máis debido a que gañou dous campionatos do mundo que manda truco tamén!".

Quizais nun futuro non tan lonxano se volve encontrar co seu antigo compañeiro na categoría raíña: "Facelo ben estes dous últimos anos que me quedan en MX2 ou polo menos o ano que vén e ver se puidese facer o salto á categoría raíña e despois estar pelexando para estar adiante con Jorge".

Noticias web

08/12/2020