Rubén de la Barrera: "Atendemos a un único obxectivo: o ascenso. Teño experiencia, sei o que digo e o que quero"
Rubén de la Barrera, coruñés, 35 anos, chega ao banco do equipo da súa vida. "Temos dúas opcións: ou esperar a que sucedan as cousas ou provocar que as cousas sucedan, e eu sempre fun por aí, son dese pau. O bo que me aconteceu na vida foi en momentos por ir a fogo, on fire, e a fogo e on fire estou aquí", di o novo técnico herculino.
A súa chegada implica o final da segunda etapa de Fernando Vázquez no Deportivo. Fernando Vidal, o presidente do club, sinalaba: "Non se trataba só de cesar un adestrador; no meu caso persoal tamén un amigo, algo que nos afectou moito". De la Barrera recoñecía a traxectoria do seu predecesor: "O meu recoñecemento e admiración cara ao anterior corpo técnico, encabezado por Fernando, coma deportivista que me considero valoro enormemente o que significa el para este club".
Herda de la Barrera un obxectivo innegociable: o ascenso a segunda división esta mesma temporada. "Temos que ser conscientes de que precisamente a nosa realidade é a Segunda División B e non ocorre absolutamente nada. Temos que convivir con iso e asumir que somos favoritos ao ascenso e que temos que ascender", recoñece o adestrador.
De la Barrera xa sabe o que é subir dende Segunda B. Fíxoo coa Cultural e quere repetir ese percorrido co Deportivo: "Afortunadamente eu teño experiencia neste tipo de competicións, vivín algo que pretendo revivir en pouco tempo. Sei o que digo, sei o que quero".