CRTVG

Buscar

Roupa vella, a nova campaña de Adolfo Domínguez, defende o consumo responsable

Publicado o 03/02/2020 13:55

Todas as pezas desta nova campaña de Adolfo Domínguez son roupa vella. Proceden de clientes que responderon ao chamado nas redes sociais para recuperar modelos da firma que seguen vixentes a pesar de ter ata 40 anos. Coa campaña Roupa vella, a marca volve apostar por unha moda máis sustentable.

Adriana Domínguez, conselleira delegada de Adolfo Domínguez: "É roupa atemporal, especial, única e que dura moito tempo. A xente está moi acostumada a comprar e tirar. Queremos falar do que nós somos, pero tamén do que pensamos que ten que ser un consumo responsable".

Con esta idea, a firma xa desenvolveu outras dúas campañas, Sé máis vello e Pensa. Logo compra. E foille ben. En tres anos aumentaron un 26% as súas vendas comparables. Din que hai mercado para un consumo responsable.

Adriana Domínguez, conselleira delegada de Adolfo Domínguez: "O que queremos é concienciar dun novo xeito de consumo, porque vemos que a xente nova o demanda e que moitas veces non encontra as firmas que respondan a isto".

Como parte da aposta pola atemporalidade, Adolfo Domínguez vestiu a gañadora do premio actriz revelación nos Goya, Benedicta Sánchez, para a cerimonia cun deseño orixinal da firma de 1990. Benedicta recolleu o galardón con Roupa vella, un bo símbolo do que é esta nova campaña.

Noticias web

03/02/2020