CRTVG

Buscar

Róubanlle o carro a un carteiro en Santiago cando facía o repartimento

Publicado o 15/01/2020 13:35

O carteiro que fai a repartición de Correos pola rúa Ferrol e adxacentes, en Santiago, leva carro novo e non o deixa só nin un segundo. Non é para menos, porque antonte, a iso das dez e media da mañá, cando saíu dun portal, a bolsa de transporte e o seu contido non estaban onde os deixara.

De inmediato moveuse na súa busca. Encontrouse cunha muller que traballa na zona, Vanessa, e contoulle o que vira: "Estabamos eu máis unha rapaza na esquina e vimos subir unhas mozas cun carro, correndo. A outra díxome "é o carro do carteiro, porque é amarelo". Entón veu o carteiro e preguntounos polo seu carro, contámoslle o que vimos, foron pero non o encontraron".

A outra testemuña, hoxe non estaba no traballo, pero seu compañeiro Javier falou do asunto: "Cando eu cheguei díxome que estaba cunha compañeira e comentou que viran dúas mozas que saíran correndo e que ían co carro directamente cara aos colexios".

En Correos rexeitaron proporcionar información sobre o roubo do carro e o contido que tería. Tendo en conta que era luns e bastante cedo é probable que co carro levaran bastantes envíos. "Eu creo que para facer unha parvada, porque non lle vexo moita lóxica. A quen nos amola é a quen agardaramos unha carta, un certificado ou algo", di Vanesa. E Javier: "O que creo é que leva algún paquete de Amazon ou dalgunha outra plataforma virtual. Dubido que foran cartas certificadas e que quixeran roubalas para que non foran ao destino final".

As forzas de seguridade investigan o roubo. A substracción de correspondencia é un delito que pode supoñer para quen o comete penas de prisión.

Este non é un caso único. Segundo fontes de CCOO, nos últimos dous anos, só en Santiago, leváronlles aos carteiros cinco carros e dúas motos.

Noticias web

15/01/2020