CRTVG

Buscar

Rouban unha vaca en Baleira valorada en 2.000 euros

Publicado o 12/04/2021 14:21

Ademais dos problemas que causa a fauna salvaxe ou os baixos prezos que cobran, os gandeiros teñen agora un novo inimigo: os ladróns de vacas. No concello de Baleira xa levaron dous animais de alto valor. A última foi un exemplar próximo ao sacrificio e que o propietario valora en 2.000 euros. 

O útimo roubo rexistrouse na parroquia de Cubilledo. O animal, de tres anos de idade, estaba a pacer con outros dous exemplares nunha zona alonxada das casas. O seu propietario está convencido de que se tratou dun roubo porque os arames que rodean o prado estaban cortados.

Ademais, asegura que a vaca, valorada en 2.000 euros, era a máis prezada do rabaño, formado por 38 animais. Segundo relata, hai uns meses xa se rexistrou un roubo similar noutra explotación da zona.

O gandeiro descarta que se producise un ataque de lobos porque as outras vacas non estaban alteradas e non se vían restos de loita no prado. Agora xa presentou denuncia na Garda Civil, pero considera pouco probable dar co seu paradoiro.

A hipótese máis probable é a de que os autores do roubo vivan pola contorna, porque non era doado chegar ata as vacas sen coñecer o lugar. Sospeita que xa se vendeu ou mesmo que se sacrificou.

Noticias web

12/04/2021