Rouban nunha igrexa de Boborás e levan máis de 500 euros e cinco cadeas de ouro
Foi o sancristán da igrexa de San Salvador de Pazos de Arenteiro, en Boborás, o que descubriu que entraran roubar na igrexa. Viu unha porta lateral aberta no templo e ao entrar xa se decatou de que faltaban máis de 500 euros que estaban gardados na sancristía e cinco cadeas de ouro que tiñan as imaxes.
Din que é a primeira vez que entran a roubar nesta igrexa e as veciñas e os veciños están moi afectados e sorprendidos polo suceso. Os ladróns non causaron danos, pero ninguén se explica como puideron entrar na igrexa sen forzar nada. A Garda Civil está xa a investigar este roubo.
Os veciños de Pazos de Arenteiro agardan que as forzas de seguridade poidan dar co autor ou autores deste roubo. Por seguridade, e para evitar novos roubos, o párroco xa retirou todos os obxectos de valor que había na igrexa.