CRTVG

Buscar

Rouban nun estanco de Xove do que levan tabaco por valor de 9.000 euros

Publicado o 16/05/2019 14:34

Romperon a pechadura da porta principal e foron directos ao almacén onde se garda o tabaco. Alí fixéronse cun cargamento de cartóns valorados en 9.000 euros. Ademais, levaron os cartos para cambio que había nunha das rexistradoras.

Así actuaron os ladróns que asaltaron de madrugada este estanco do centro de Xove. Malia o ruído que fixeron as alarmas, os autores do roubo actuaron con tal velocidade que en poucos minutos entraron, colleron o tabaco e marcharon no coche que deixaran na porta do local. As cámaras de videovixilancia gravaron todo o asalto pero os ladróns ían encapuchados e con lanternas na cabeza, polo que a súa identificación será difícil.

"Foi todo moi rápido. En cousa de minutos levaron os cartóns que tiñamos gardados atrás. A alarma soou, pero non deu tempo a nada", explica Rocío Casavella, a propietaria do estanco.

Noutro establecemento de Foz, os ladróns romperon un cristal do escaparate para acceder ao interior. Xa dentro, colleron todo tipo de pezas de roupa e complementos das marcas máis caras e, especialmente, roupa feminina. Segundo a primeira valoración, as perdas superaron os 2.000 euros. O material roubado é moi fácil de vender a través de Internet, porque se garante o anonimato. O local dispón de alarma pero esta non chegou a funcionar por uha avaría. Malia o ruído que fixeron os asaltantes, ningún veciño oíu nada, aínda que podería haber unha testemuña.

"Unha condutora do bus viu un grupo de mozos que levaban moitas bolsas e tapaban a cabeza para non seren recoñecidos", relata Inés Fernández, empregada do establecemento.

Malia as similitudes entre os dous roubos, a coincidencia de horarios, a distancia e o tipo de botín apuntan a que se trata de dous grupos diferentes, sendo máis especializado o que roubou no estanco.

Noticias web

16/05/2019