Rouban maquinaria nunha nave municipal de Friol por valor duns 30.000 euros
Unha banda organizada asaltou unha nave do mercado gandeiro de Friol. Para acceder ao seu interior, os ladróns forzaron o portal de entrada, que tivo que ser reparado. Unha vez dentro, abriron un burato no teito da sala onde se garda a maquinaria, de onde levaron cinco rozadoiras, outras cinco rebarbadoras, catro motoserras, dous sopradores e outros dous trades de percusión, ademais de material de traballo da brigada municipal de obras.
"Cando chegamos aquí, xa vemos a porta forzada. E despois fomos mirar a onde temos a ferramenta e estaba a porta cerrada, polo que pensamos que aí non entraran. Pero ao despechala foi cando vimos o burato de arriba, que foi por onde entraron. Levaron rebarbadoras, trades, motoserras, picadores..., un pouco de todo. Distintas cantidades de ferramenta", di José Manuel López, encargado de mantemento do Concello de Friol.
Non é a primeira vez que rouban nesta nave municipal de Friol. Hai tres anos, xa fora asaltada, pero o valor do material subtraído non fora tan alto como nesta ocasión. Entre os danos materiais e o valor da maquinaria que levaron, as perdas achéganse aos 30.000 euros.
"Non chegara a tanta cousa porque tampouco tiñamos tanta ferramenta. Cada ano imos comprando unhas poucas cousas para ir mellorando un pouco, pero desta volta empeoramos", asegura José Manuel López.
Na mesma noite, tamén en Friol, entraron a roubar nunha antiga tenda de electrodomésticos. E en Outeiro de Rei, tamén na comarca de Lugo, asaltaron un restaurante, onde se fixeron co diñeiro da caixa e coa recadación da máquina comecartos. Unha vez denunciados os roubos, a Garda Civil investiga agora a súa autoría.