CRTVG

Buscar

Rouban a caixa forte dun hotel de Barreiros con máis de 6.000 euros en metálico

Publicado o 12/05/2021 13:46

Un dos principais hoteis de San Miguel de Reinante, en Barreiros, foi asaltado. O ladrón forzou a porta principal, na que apenas causou danos. Unha vez no interior do establecemento, desaparafusou a caixa forte e levouna con el, malia pesar uns 30 quilos. Dentro había uns 9.000 euros, 6.000 en metálico e outros 3.000 en billetes de lotería.

Sonia García, propietaria do hotel: "Eu levanteime e ía ir de compras, e sempre que o fago saco os cartos da caixa forte. Entón pregunteille ao meu fillo onde ía a caixa forte, díxome que non sabía nada, e pregunteille tamén ao meu marido e díxome que tampouco. E encontrámonos con que non estaba a caixa forte. E despois mirei e faltaba unha balda do moble, que era onde estaba aparafusada a caixa, vimos que por baixo estaba todo revolto e foi cando sospeitamos que entraran. Entón miramos as cámara de seguridade e xa vimos que subtraeran a caixa forte".

Segundo as cámaras de videovixilancia, o ladrón botou ata tres cuartos de hora dentro do hotel. A pesar de que tamén se puido facer con tablets e cun ordenador por valor de máis de mil euros, o seu único botín foi a caixa forte, que contiña o efectivo.

Sonia García, propietaria do hotel: "Estivo aí sentado e subiu arriba ás habitacións. Nós estivemos mirando se faltaba algo nos cuartos e non faltaba absolutamente nada. Despois colleu a caixa forte e levouna. Había tres tablets aí, e estaba o ordenador,e non tocou nada. Simplemente foi a pola caixa forte. Dentro había máis de 6.000 euros, para uns pagos que tiñamos que facer, e levou todo, coin tarxetas e uns talonarios".

Tras presentaren os donos do hotel a correspondente denuncia, a Garda Civil investiga agora a autoría do roubo.

Noticias web

12/05/2021