CRTVG

Buscar

Rouban 7.000 euros dun bar de Caión a plena luz do día e malia os berros dos veciños

Publicado o 10/08/2020 13:52

Esta mesma mañá un hostaleiro de Caión foi á Garda Civil para poñer unha denuncia por roubo. Esta fin de semana entraron no seu bar e leváronlle uns 7.000 euros da recadación.

Os dous asaltantes actuaron mentres os veciños os reprendían, pero sen inmutarse continuaron co roubo coma se a cousa non fose con eles. 

Dous individuos coa cara tapada con pasamontañas e luvas nas mans para non ser identificados e non deixar pegadas asaltaron sobre as sete e media da mañá a cafetería Asteria, situada en pleno paseo marítimo de Caión, no concello da Laracha.

Os ladróns ían a bordo dun Alfa Romeo de cor azul, ao parecer un vehículo matriculado a nome dun cidadán de orixe romanesa residente en Ourense. Segundo o propietario do establecemento, os delincuentes rebentaron a porta principal do local e accederon ao interior establecemento.

"Rebentaron a pechadura e entraron", dinos o hostaleiro Guillermo Iglesias. "E meteron o coche nunha costa do paseo, colleron as caixas todas e cargaron o coche. Estaba todo tirado, roto, ordenadores e muebles tirados", engade.

Aos asaltantes non lles importaba facer ruído. Uns veciños oíron o balbordo procedente do local e saíron ás xanelas alarmados.

Comezaron a berrarlles, que ían chamar á Garda Civil, pero eles nada, ao seu, colleron dous caixóns enteiros de cobro automático que pesan arredor de 70 quilos cada un, subíronos ao coche e fuxiron.

Foi todo relativamente rápido. O dono cree que tiñan todo estudado, xa que o recuncho da vila onde está o bar é difícil de acceder e complicado para fuxir.

"Levaron dous caixóns cash-dro, que son como dúas caixas fortes, que ademais da recadación teñen moito cambio, e dous caixóns normais. Os veciños axudaron moito porque lles quitaron fotos, avisaron, berráronlles pola fiestra, pero eles estaban ao seu e nin caso.

Aquí din que é a primeira vez en vinte anos que os rouban.

Noticias web

10/08/2020