Rouban 40 galiñas araucanas en Xermade por valor de 1.600 euros
O confinamento e as restricións de mobilidade non son suficientes para parar a actividade dos ladróns. En Roupar, no concello de Xermade, entraron a roubar na Finca Azureira, unha explotación avícola ecolóxica onde crían galiñas araucanas, unha especie orixinaria de Chile, coñecida por poñer ovos de cor azulada e que teñen unha maior cantidade de proteínas e nutrientes.
Os donos da explotación descoñecen en que momento entraron os ladróns e cren que aproveitaron unha pequena estrada que pasa xunto aos seus terreos para sacar por alí as galiñas. Ademais, cren que os asaltantes teñen coñecemento sobre as aves dado que lles levaron as mellores.
Contaban con 63 galiñas e os ladróns leváronlles 40, deixando perdas de preto de 1.600 euros polo valor dos animais e ao que habería que sumar a perda dos ovos dos que a ducia se vende a catro euros. Agora o roubo xa foi denunciado ante a Garda Civil.