Rouban 29 porcos dunha granxa de Guitiriz, cun valor superior aos cinco mil euros
Ocorreu nesta granxa con capacidade para 3.000 cochos, situada no quilómetro 538 da nacional VI, en Guitiriz. Arredor das cinco da madrugada dispoñíanse a cargar un camión de porcos cando o encargado se decatou de que faltaban animais, e de que o resto estaban mesturados no interior da granxa.
Calculan que a cantidade de porcos subtraídos ascende a 29, o que supón unhas perdas de máis de 5.500 euros. Os cacos accederon ao interior forzando os cadeados das cancelas, e a localización da granxa xogou ao seu favor, xa que se atopa afastada das casas.
O empregado da granxa xa interpuxo a denuncia, e actualmente estase a investigar para dar co autor ou autores dos feitos. Barallan a hipótese de que cargasen os animais roubados nunha furgoneta para sacrificalos e vender as partes en carnicerías.