Rouba nunha panadería de Guísamo armado cunha pistola
As empregadas desta panadería de Guísamo están aterrorizadas tras o asalto que sufriron este domingo. Cando estaban a punto de pechar, contra as dúas e media da tarde, un individuo entrou no local coa cara cuberta e cunha pistola na man.
"Eu polo menos non sabería dicir se era de plástico ou de verdade. Era unha pistola negra, grande, pero non sei nada de armas."
A empregada que fala estaba no obradoiro e saíu ao escoitar uns berros. Viu que o delicuente apuntaba a compañeira coa pistola. Camiñaban detrás do mostrador cara á caixa e ela aproveitou o momento para saír á rúa a pedir axuda. A pesar de que a panadería está á beira da Nacional seis, non pasaba ninguén e tivo que correr uns metros ata outro negocio desde o que chamaron a Garda Civil.
"Eu escapei pero ela quedou dentro. Tiña medo por ela e polo que lle podía facer o atracador. Non sabes como vai reaccionar alguén así, e mais cunha pistola."
Para as dúas empregadas é a peor experiencia da súa vida. A Garda Civil trata de identificar o delincuente que fuxiu cuns 150 euros que era o que había na caixa.