CRTVG

Buscar

Rouba na Gudiña o coche da amiga da nai dun garda civil e detivérono en Verín

Publicado o 13/04/2021 15:23

Non tivo sorte o ladrón cando atopou a Manuela e Maruxa no camiño e decidiu roubarlle o coche que deixaran aparcado, curiosamente, ao carón da Garda Civil da Gudiña.

"Eu sentín que viña un coche moi lanzado e a compañeira está un pouco xorda e díxenlle: retírate que vén un coche a moita velocidade, e a ela aínda lle pasou raspando o pantalón. Despois xa miro por detrás e di: que é o meu coche! E xa dixen, o tipo", explica Maruxa Alonso Alonso, veciña da Gudiña. 

"Ela correu enseguida para ver a esquina do coche e cando dixo 'é o meu coche', díxenlle: 'Non te preocupes, que chamo o meu fillo Jesús para que chame a Garda Civil", conta Manuela Macía Pérez, amiga de Maruxa e nai dun garda civil. 

"Eu cunha cara de parva explicándolle por onde ía saír para me roubar o coche, pensei eu iso, claro", di Maruxa. 

Maruxa di que quedou con cara de parva, pois imaxinen a cara de parvo do ladrón, cando despois de fuxir co seu coche tivo que deixalo porque picou unha roda, roubou outro e tamén se lle avariou.

A busca deu resultado, Maruxa recuperou o seu coche e a Garda Civil detivo o ladrón, a pé, sen ningún dos coches que roubara.

Maruxa e Manuela din que pasaron moitos nervios, pero viviron unha aventura que grazas á súa intervención acabou cun ladrón detido.

Noticias web

13/04/2021