CRTVG

Buscar

Rosario Porto solicitara varios permisos que lle foron denegados

Publicado o 19/11/2020 10:44

Rosario Porto estaba condenada a 18 anos de cadea pola morte da súa filla, Asunta Basterra, o 22 de setembro de 2013. A nena tiña 12 anos e foi atopada sen vida nunha gabia do lugar de Feros, no concello de Teo, a poucos minutos da casa familiar. Hoxe, ese lugar volve estar cheo de flores e mensaxes de cariño pola pequena Asunta, que hoxe tería 20 anos.

Porto, que foi condenada canda o seu exmarido, Alfonso Basterra, tiña 51 anos e levaba sete privada de liberdade, e xa pasara polas prisións de da Lama e de Teixeiro, onde, segundo parece, non se chegou a integrar na vida da cadea co resto das presas.

No centro penitenciario abulense de Brieva levaba oito meses e, ao contrario ca nos casos anteriores, semella que si comezara a relacionarse co resto das reclusas e retiróuselle a vixilancia dunha presa sombra que determina a aplicación do protocolo antisuicidios. Con todo, solicitou varias veces permisos que lle foron denegados.

Segundo explica Xosé Manuel Piñeiro, de CSIF Prisións Galicia, o protocolo antisuicidios retírase cando a actitude da persoa vai mellorando, ou tamén se, a petición propia, se fan novos informes que determinen que é apta para prescindir desa vixilancia.

Noticias web

19/11/2020