Rosa Quintana presenta en Bruxelas 'Galicia desde o mar', que defende a sostibilidade económica e ambiental
Achégase unha semana definitiva para a pesca galega: o luns comezan en Bruxelas as negociacións para as cotas pesqueiras do ano que vén. A conselleira do Mar presentou en Bruxelas un vídeo para demostrar a importancia social e económica deste sector e evitar baixadas drásticas no número de capturas permitidas.
En Galicia unhas 50.000 persoas viven do mar. Detrás das cifras e das cotas pesqueiras das distintas especies están as vidas de familias completes.
É unha das ideas que a Consellería do Mar quere que se entenda en Bruxelas para evitar as drásticas reducións nas cotas de pescada e xurelo que este ano propón a Comisión Europea.
Eses números debateranse a semana que vén na capital comunitaria. Por iso, este mércores Rosa Quintana presentou un vídeo que defende a importancia da sostibilidade económica e social, ademais da medioambiental.
Rosa Quintana, conselleira do Mar: "Nós o que lle pedimos á Comisión é que teñan en conta que o sector para o que están traballando nos necesita pero que debemos ir da man e debemos facer e adoptar as decisións dunha maneira consensuada co fin de que non se siga desguazando flota co fin de que esta flota siga sendo operativa, creo que máis esforzo xa non se lles pode pedir e que eles para desenvolver a súa actividade tamén necesitan unha estabilidade".
As reducións de cotas propostas pola Comisión, son dun 20% na pescada e dun 48% no xurelo, e terían un impacto duns 86 millóns de euros en Galicia e afectaría uns 3.600 tripulantes.
As súas voces servirán para dar forza ao traballo da Xunta na defensa dos intereses do sector pesqueiro.