CRTVG

Buscar

Román Rodríguez: "Non debemos identificar o galego cunha determinada posición política"

Publicado o 17/05/2021 11:33
Román Rodríguez: "Non debemos identificar o galego cunha determinada posición política"

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidades, Román Rodríguez, asegura que a homenaxe á escritora Xela Arias no Día das Letras demostra que "o galego é unha lingua apta para empregarse en ámbitos xuvenís e urbanos".

Nunha entrevista no Galicia por diante, Román Rodríguez salientou a capacidade da escrita de Xela Arias para contectar coa xente máis nova e o mundo da modernidade e as vangardas artísticas.

Neste día, o conselleiro, respecto á situación da lingua, asegurou que, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística, hoxe falan galego máis persoas que hai cinco anos. Rodríguez afirmou que "temos datos positivos, temos tamén outros menos positivos, pero o realmente importante é que a nosa lingua se use en liberdade, se use con total normalidade e sirva para comunicarnos, para coñecernos e, en certa medida, tamén para idfentificarnos como galegos e facelo sempre cunha perspectiva inclusiva e construtiva".

Para Román Rodríguez, Galicia "conta cun modelo educativo propio que cumpre os seus obxectivos, no senso de que todos, a inmensísima maioría dos galegos coñecemos a nosa lingua e unha gran maioría tamén a usamos en liberdade, dun xeito harmónico co castelán, En Galicia temos dúas linguas: unha propia e dúas oficiais". 

Rodríguez fai tamén un chamamento a "non identificar o galego cunha determinada posición política, senón que o galego é das persoas que libremente o usamos e debemos entendernos e comunicarnos co resto das persoas na lingua que queremos".

O conselleiro tamén sinalou que "o sistema educativo galego dá competencias e destrezas para entender, falar, ler e escribir aos mozos galegos e, de feito, somos unha das comunidades autónomas con mellores índices de competéncia lingüística". Para Román Rodríguez, "os mozos galegos son os que usan as dúas linguas oficiais e fundamentalmente a lingua propia con maior normalidade e cunha maior cota de uso, comparativamente a outras comunidades autónomas".

Para favorecer o uso do galego entre a mocidade, o conselleiro referiuse ao Proxecto Nós, impulsado pola Xunta e a Universidade de Santiago, que ten como oxectivo crear un fondo de recursos gratuíto e de código aberto "para poder interaccionar en galego coas máquinas". O proxecto Nós está pensado para desenvolver ferramentas lingüísticas que permiten interactuar en galego cos asistentes de voz e outros dispositivos informáticos.