CRTVG

Buscar

Román Rodríguez: "Galicia incorpora este ano polo menos 1.250 profesores de reforzo"

Publicado o 13/09/2021 11:39

Xa son tres os cursos escolares que se terán que desenvolver en pandemia. Pouco a pouco van incorporándose ás aulas os rapaces nos diferentes ciclos co obxectivo de volver a esa normalidade tan desexada. Sen quitarlle o ollo ao virus, os retos do ensino en todos os niveis son variados e importantes.

Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, manifestou que o curso escolar comezou con normalidade e optimismo, pero hai que seguir con prudencia porque o coronavirus aínda segue presente. Nunha entrevista no informativo Bos días, Rodríguez afirmou que as aulas son lugares seguros tal e como se demostrou o ano pasado. As medidas funcionaron e o sistema escolar estivo á altura das circunstancias. O conselleiro destacou que esta semana todas as persoas de máis 12 anos xa estarán vacinadas.

Este martes, Román Rodríguez comparecerá no Parlamento de Galicia para responder á pregunta de se hai suficientes profesores, e afirmou que neste curso haberá máis docentes que no ano prepandémico. Destacou que Galicia ten a mellor ratio alumno-profesor de España e que este ano vanse incorporar polo menos 1.250 profesores de reforzo. En primaria haberá 220 contratacións novas pola creación de 160 novas unidades dos grupos burbulla. En Formación Profesional haberá este ano 3.000 alumnos máis polo que haberá tamén un incremento do profesorado.

Eliminación dos exames de recuperación da ESO

Román Rodríguez destacou que Galicia non comparte a idea do Goberno central de eliminar os exames de recuperación da ESO. O conselleiro afirmou que isto pode xerar desigualdade entre os alumnos e que habería que reforzar a aprendizaxe dos alumnos.

Rodríguez subliñou que Galicia reduciu nunha década á metade o fracaso escolar e que van poñer a disposición dos escolares plans específicos para mellorar as competencias. En canto á Lei orgánica de universidades, Rodríguez avanzou que é unha lei moi difusa en aspectos como a gobernanza. Afirmou que non houbo diálogo entre as comunidades autónomas e que lle preocupa como se vai tramitar esta lei. Sobre a Formación Profesional, o conselleiro destacou que é vital para un país e que este ano haberá 150 ciclos en Galicia. Como dato, destacou que ten unha empregabilidade do 95 %.

Noticias web

13/09/2021