Román Rodríguez: "En breve teremos un sistema de formación por se hai un confinamento"
O conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez, nunha entrevista no Bos días deste mércores, dixo que "ata o momento, o curso estase desenvolvendo con normalidade", sempre "dentro da situación que hai".
"Hai que impedir a propagación da covid-19 nos centros educativos. Afortunadamente, os datos son positivos dentro do conxunto xeral", explicou o conselleiro, que dixo que, ao mesmo tempo, "hai que manter a calidade do sistema educactivo galego".
Román Rodríguez cre que "non podemos deixar que a crise sanitaria derive tamén na crise educativa". "Hai que traballlar en ambos frentes", concluíu.
Respecto á posibilidade de que a situación da pandemia se agrave, o conselleiro de Educación dixo que "xa temos un plan de continxencia, e en breve presentaremos un plan por se hai un confinamento máis longo do previsto".
Román Rodríguez tamén reflexionou sobre a reforma proposta polo Ministerio de Educación nesta conxuntura sanitaria e que permitiría obter o título da ESO e do bacherelato tendo algunha materia suspensa: "Pasar con suspenso é ir en contra do sistema educactivo e desincentivar o estudo. Xera desigualdade e reduce o esforzo", asegurou.
A actitude de estudantes universitarios e os contaxios que se produciron entre eles tamén suscitou unha reflexión por parte do conselleiro: "A maioría dos universitarios compórtanse ben. Algún grupo concreto ten no ámbito social comportamentos criticables, pero non podemos demonizar a todos. Os espazos educativos son espazos seguros non son elementos transmisores", dixo.
"No ámbito non universitario só un 0,16% das persoas están afectadas. Galicia fixo o máior cribado das comunidades autónmoas a nivel universitario e a incidencia nos universitarios é relativamente baixa", explicou o conselleiro.
O mundo educativo camiña cara a dixitalización cre Román Rodríguez: "A pandemia acelera un proceso cara ao que xa camiñábamos. A era dixital está cada vez máis presente. Estamos deseñando un proceso educativo no que imos intentar reproducir no ensino virtual practicamente o 100% do ensino presencial".
En canto ao mundo cultural, o conselleiro dixo que "a cultura é segura, a actividade cultural con protocolos é segura e non foi un foco de contaxio".
E de cara ao futuro expuxo que "o Xacobeo vai ser unha oportunidade de reactivación económica e emocional. Hai que seguir traballando pero noutros formatos e con outra visión". "Hai que reprogramar estratexia para que o Xacobeo sexa unha oportunidade".