CRTVG

Buscar

Rodrygo salva o Madrid de caer no abismo

Publicado o 03/11/2020 23:20
Rodrygo salva o Madrid de caer no abismo

O brasileiro Rodrygo Goes deu a vitoria, e tres puntos necesarios para que non se complicase en exceso a clasificación para oitavos de final da liga de Campións, ao Real Madrid fronte ao Inter de Milán (3-2), ao aproveitar unha asistencia do seu compatriota Vinicius Junior desde a banda esquerda.

Un partido que os goles do francés Karim Benzema no minuto 24 e do español Sergio Ramos no minuto 33 pareceron encamiñar. O arxentino Lautaro Martínez encargouse de avisar no minuto 37 de que nin moito menos ía ser así. O Inter asinou unha boa segunda metade, imprimindo moito físico a cada acción do partido e o croata Ivan Perisic fixo o empate no m.68.

Cando máis apertaban os italianos, Rodrygo esborrallou os seus plans cunha boa definición coa perna dereita directa á escuadra da portería defendida polo esloveno Samir Handanović. A vitoria deixa o Madrid terceiro de grupo con catro puntos, empatado co Shakhtar Donestk, e o Inter de Milán último, con só dous tras tres encontros disputados.