CRTVG

Buscar

Roberto García: "É unha frivolidade responsabilizar o agro do cambio climático"

Publicado o 31/05/2021 12:44

Os españois consomen entre dúas e cinco veces máis da cantidade de carne recomendada, e o Goberno español quere mudar esta situación. Dúas cuestións esgrime: a nosa saúde e evitar o que considera unha catástrofe ambiental. E aí comezan as diverxencias entre as organizacións agrarias e os plans do Goberno de cara ao ano 2050.

Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias, referiuse á acusación de que as explotacións gandeiras contribúen ao cambio climático. Nunha entrevista realizada no informativos Bos días, da Televisión de Galicia, destacou que os datos do Ministerio de Medioambiente reflicten que a contaminación de gases de efecto invernadoiro apenas chega ao 8 % fronte o 25% da industria ou do transporte.

O secretario xeral de Unións Agrarias afirmou que a media de vacas por explotación en Galicia non chega ás 20 e os ingresos medios dunha explotación de vacún non chegan aos 7.000 euros. García cre que o documento de cara ao 2050 é produto dun erro, de falta de análise e non lle parece lóxico que haxa que reducir un 5 % o consumo de carne. Destacou que "non se pode cargar sobre quen menos contamina o problema que pode ter o conxunto da industria española". Roberto García cre que é un ataque a un modelo de produción onde non se diferencia entre as macrogranxas e as explotacións familiares.

Referiuse tamén á paralización na negociación da PAC e destacou que están dispostos a falar dun pago redistrubutivo que trate por igual todos os agricultores e gandeiros, con independecia da comunidade autónoma onde se atopen.

Noticias web

31/05/2021