CRTVG

Buscar

Ritz Carlton adquire o 100% das accións do estaleiro vigués Barreras

Publicado o 31/07/2020 16:58

O consorcio estadounidense The Ritz-Carlton adquiriu, a través da división Cruise Yacht Yardco Ltd (CYYL), o 100% das accións do estaleiro Hijos de J. Barreras, que xa tiña controladas tras un acordo de cesión cos seus anteriores donos: Pemex, Albacora e Grupo Emenasa, de José García Costas.

Nun comunicado, CYYL informa de que a transacción das accións "foi complexa" e requiriu "dunha enorme persistencia e determinación", tanto desta entidade como de Garrigues, Baltar Avogados, Caixabank e outras entidades financeiras, CESCE, Ministerio de Industria e Xunta de Galicia.

O director xeral de CYYL, Douglas Prothero, sinala que esta foi "unha viaxe desafiante", en que "un incontable número de profesionais de toda España traballou incansablemente" para axudar a garantir que "Barreras poida concentrarse nas oportunidades que ten por diante".

A prioridade a partir de agora, avanza Prothero, será axudar a nova xerencia do estaleiro a "aclarar os problemas herdados que quedan por resolver", nas etapas finais do primeiro minicruceiro de luxo que constrúe, o Evrima, e "no comezo de novos proxectos".